29 abr. 2014

Cen días de horror

Este anaco de texto pertence á reportaxe 'Cen días de horror', que podedes atopar no número 5 da imprescindible revista Luzes. Podes mercar a revista en quioscos e librarías de Galicia e na súa páxina web.



Entre abril e xullo do ano 1994 ocorreron moitas cousas. O coche de Ayrton Senna fallou letalmente, deuse á fuga Luis Roldán, Mandela gañou as primeiras eleccións en Sudáfrica e Maradona abandonou o Mundial de Estados Unidos por dopaxe. Tamén, mentres todo iso acontecía, tivo lugar un xenocidio. En un espazo de so cen días, 800.000 persoas eran asasinadas en Ruanda por seren tutsis. 330 cada hora. Cinco cada minuto. A maioría delas a golpe de machete. Este ano o pequeno país africano conmemora o XX aniversario daquel traumático suceso.

Cassius Alexis ten agora trinta e dous anos, pero era só un cativo cando os milicianos hutus chegaron empapados en alcohol e anfetaminas a súa veciñanza. Viunos pola fiestra da cociña, apareceron entre a poeira dos todoterreos con rifles, machetes e paus. As familias tutsis veciñas fuxiron das súas casas en tola carreira en canto chegaron, como un raposo que entra no galiñeiro. O barrio converteuse nunha macabra persecución en todas direccións tinguida de sangue. Disparos, machetazos, golpes... Cassius tamén rachou a correr. Tomou a rúa á dereita con un irmán e unha irmá. O resto de rapaces e máis os pais fuxiron na outra dirección. Esa foi a derradeira vez que os viu. Comezou entón para Cassius unha carreira que non semella real. No polo menos no noso mundo. “Recordo correr con todas as miñas forzas.  No vía nada pero ao mesmo tempo as imaxes ían pasando claras ante os meus ollos. Lémbrome dos corpos dos veciños mortos polas cunetas, lémbrome dos milicianos gritándome, chamándome cascuda. Lembro o son dos disparos”. Cassius levaba un grupo de homes detrás armados con machetes que lle berraban que ía morrer. “Recordo que chegaron a estar moi preto, incluso esquivei algún machetazo. Tiña claro que ou alcanzaba o pantano ou estaba morto”. Cassius fuxiu como unha presa, e coma el outros centos de tutsis nunha imaxe que converteu o barrio nun coto de caza. “Metinme na auga, entre a espesura da vexetación e deixaron de perseguirme. Estiven aí metido, inmóbil, durante horas. Logo comprobei que os meus irmáns tamén chegaran”. Desde ese día Cassius tivo que vivir agochado no pantano. Só saía polas noites na procura de alimento e para evitar as masivas picaduras de mosquito. Polo día permanecía quedo, moi quedo, co auga ao nivel do peito, mentres os milicianos rastrexaban o pantano. “Eu escoitaba os golpes e os berros cando atopaban a alguén. Todos estábamos moi quedos, así que era un pouco coma unha lotería”. Así todos os días durante un mes, ata que foi rescatado. Entón Cassius converteuse nun supervivente. Nun supervivente do xenocidio de Ruanda. Un dos capítulos máis crueis e escuros de cantos viviu o século XX.

Que é iso dos hutus e os tutsis?

Non hai historia de Ruanda anterior ao colonialismo recollida por escrito. Todo coñécese por tradición oral. E esta tradición di que nunca no país houbo violencia entre hutus e tutsis. Os hutus chegaron a Ruanda hai tantos séculos como ten a civilización. Proveñen do que hoxe é a República Democrática do Congo (RDC) e dedicábanse á agricultura. Os tutsis chegaron ao mesmo tempo procedentes do norte, de Etiopía, e eran gandeiros. Durante os milleiros de anos que conviviron mesturáronse étnicamente e organizáronse socialmente: os tutsis (14%), en tanto tiñan o gando, conformáronse como a casta dominante mentres que os hutus (85%) eran os vasallos. O 1% restante eran os twas, cazadores autóctonos. Deste xeito, ser hutu ou tutsi antes da chegada do colonialismo era un tema de clase social, de castas. De feito, un hutu que se fixera con vacas podía converterse en tutsi e viceversa. Todo mudou coa chegada do home branco. [...]

No hay comentarios:

Publicar un comentario