9 abr. 2014

Discutir pola paz

Este anaco de texto pertence á reportaxe 'Discutir pola paz', publicado no número 4 da Revista Luzes. Podes atopalo enteiro mercando a revista na súa páxina web.



Unha rúa cuberta de charqueiras e mal iluminada conduce ata a casa da familia Abulatifa, no corazón do campo de refuxiados palestino de Kalandia. Maria Abulatifa —deseguido estaremos con ela— é a cabeza de familia e vive neste lugar dende hai case sesenta anos. Con ela, os fillos e netos que naceron xa como refuxiados. En total, este campo acolle unhas 12.500 persoas, refuxiados palestinos vixiados noite e día polo exército israelí. Kalandia, nas aforas de Ramallah, é un dos campos máis controlados polos soldados de Israel e os movementos de quen habitan nel están moi limitados. Ás veces hai incursións na procura de sospeitosos. Ás veces, tamén, hai asasinatos selectivos. A atmosfera en Kalandia é sempre tensa. Petamos na porta á hora sinalada para manter unha conversa e tomar té coa familia de Maria. Abre unha cativa, despraza a porta con esforzo e logo crava os seus ollos nos suxeitos estraños que agardan diante para, ao momento, berrar con pavor: «Xudeus!». É un irmán quen a ten que calmar. A atmosfera en Kalandia é sempre tensa.

Cómpre arrancar polo principio. Preto do século XX o imperio turco controlaba a rexión que hoxe ocupan Israel e Palestina. A poboación era maioritariamente árabe aínda que se estima que había un 10% de veciños xudeus. Eran a resistencia dun pobo que naceu nesta terra hai máis de dous mil anos, pero que marchou á diáspora empurrado polas guerras contra o imperio romano. Pese ao tempo transcorrido nunca deixaron de considerar Palestina como a súa Terra Santa e Xerusalén o centro da súa cultura e da súa relixión. Aínda que pequena, tampouco nunca deixaron de ter representación.

Trala Primeira Guerra Mundial os británicos expulsaron os turcos, tomaron o control da rexión e crearon un mandato que estará vixente ata 1948. Contaba co visto bo dos árabes, que comezaban a formar os seus propios estados e reservábanse Palestina como un anaco máis da torta para cando os británicos se retirasen. Durante este período a paz entre a minoría xudía e os árabes era completa. Maria Abulatifa lembra esa época. «Vivía nunha aldea cos meus pais e os nosos veciños eran xudeus. Meu pai levábase moi ben con eles. Non recordo que houbese problemas con ningún xudeu daquela. O problema veu despois, cando chegaron os outros xudeus». Os outros xudeus. Maria fala da gran migración que se produciu trala Segunda Guerra Mundial. Medio millón de xudeus europeos superviventes do Holocausto decidiron regresar —dous mil anos despois— á Terra Santa. Desta volta portaban con eles unha idea: o sionismo. O proxecto árabe de Palestina comezaba a cambalear. [...]


No hay comentarios:

Publicar un comentario